Historia

ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA “O POTIÑOS”


 

As orixes:
A Asociación Fotográfica Carballiñesa “O Potiños” nace no ano 1.985 da inquedanza pola fotografía de un grupo de aficionados da comarca do Carballiño, sendo coñecedores da gran lagoa cultural existente neste terreo, pese a que na vila xa existira un fotógrafo profesional estable antes do ano 1.910, e por esas datas xa cinco veciños se ocupaban á profesión de fotógrafo.
Despois de varias xuntanzas elabóranse e se aproban os estatutos, tendo por finalidade primordial o interese pola fotografía en todas as facetas posibles, centradas basicamente nas imaxes en b/n e a cores, postas en papel.
Nun primeiro intre xa se pensa en recoller o material existente de vello en imaxes do Carballiño, coa finalidade de facer un fondo ou arquivo histórico e amplialo con aportacións e donacións á par que complementalo con traballos fotográficos recentes.

Gabriel Alonso nome:
Unha das preocupacións maiores nos comezos da asociación, foi buscar un nome que reflectira todo o sentir popular local pola fotografía, e a memoria lembrou a figura dun vello fotógrafo “de minuto”, un dos máis recordados no Carballiño e coñecido de todos polo alcume familiar de “O Potiños”.
O nome real de este profesional das imaxes era Gabriel Alonso, e o seu taller de traballo estivo nos primeiros números da rúa da Carreira, inda que a presencia real nas datas sinaladas e nas feiras foi sempre a Praza Maior, do O Carballiño, carón do comercio do Larodry, xa que nesa fachada apoiaba as lonas que lle servían de fondo e decorados á súa actividade. Unhas veces o fondo da foto eran xardíns, outras os canóns de un barco de guerra, e con anterioridade xa foran o avión “Plus Ultra” e outros artiluxos dos que dan boa fe as imaxes gardadas en albumes de vellas fotos.
Co fin de darlle o nome desexado ó grupo contouse coa aprobación das fillas e herdeiras do fotógrafo, ás que lle testimoniamos o noso agradecemento.

Primeira etapa:

A actividade da A.F.”O Potiños” encetouse cunha convocatoria aberta de maratón fotográfico, para pasar de inmediato a organizar, co patrocinio do concello de Carballiño, concursos de fotos con motivo de festas e celebracións locais; ó mesmo tempo estas actividades completábanse coas oportunas exposicións do material presentado.

Mención especial desta primeira experiencia asociativa merece a participación anual nas primeiras xornadas do “Outono Fotográfico” galego, nas que se participaba organizando cursos de revelado e positivado, charlas didácticas e exposicións, sendo o lugar máis socorrido para estes actos o vello salón de plenos do Concello.
Co fin de dar a coñecer a obra dos novos valores, que a nivel comarcal xurdían, fixéronse varias exposicións monográficas sobre temas diversos e saen a palestra nomes hoxe coñecidos como Carlos Vázquez, Severino Junco, e algúns máis.
Logo de uns anos de actividade continuada, a partir do ano 1996, o actividade dos socios decae e salvo exposicións puntuais que veñen manténdose, por xestións con algúns dos fotógrafos e organismos locais, a asociación queda paralizada, se ben neste período chegan a expoñerse obras de Sebastián Salgado e outros nomes de coñecida solvencia, por canto que o concello destina unha cantidade para mercar ditas obras co fin de ampliar o seu fondo propio.

Na actualidade:

No ano 2003 renace o grupo de interesados pola fotografía, despois de varias conversas con algúns ex-socios e dunhas cantas xuntanzas, nas que se ultiman acordos, decídese retomar o espírito da anterior asociación fotográfica e enfiar con novas inquedanzas e algunhas modificacións o traballo encol da imaxe.
As saídas á rúa, visitas a monumentos, pobos e paraxes do entorno próximo, para recoller imaxes e o seu posterior revelado, positivado e exposición, serven novamente de aliciente para aqueles que teñen inquedanza por tan nobre arte da fotografía.
As novas tecnoloxías tamén teñen cabida nesta nova etapa, posto que as cámaras dixitais marcan unha continuidade e máis unha constante na vida cotiá e o novo formato estase a valorar moi positivamente por canto a infinita gama de posibilidades que ten.
Citas fixas no calendario de concursos fotográficos dos membros da asociación son: A Baixa Limia-Xurés (Muiños), Romaría Raigame (Celanova), A Istoria e Viña Docampo (Ribadavia), Imagomoenium (Lugo); e con carácter máis local e centrado no Carballiño: Entroido, Festa do Polbo, Setembro, EcuCarballiño e Outono Fotográfico, así como diversas saídas por a bisbarra, pobos e lugares da comarca para facer temas varios que rematan con unha exposición.
O longo de estes anos a A.F.“O Potiños” ven presentando exposicións en O Carballiño, Leiro, Lalín e algúns concellos limítrofes e no ano 2005, con motivo do setenta e cinco aniversario da restauración do mosteiro de Oseira (Cea), presentouse no refectorio do convento unha mostra en b/n, con moi variados estilos, sobre o mosteiro e o seu entorno.
“O Potiños” deu o salto ó extranxeiro mostrando unha exposición colectiva en Monçao (Portugal), seguida de outras individuais dos diferentes fotógrafos do grupo e segue a manterse na súa dinámica a prol da fotografía, colaborando con outras entidades e xentes, a favor de levar adiante iniciativas e inquedanzas relacionadas coa imaxe, que neste intre xiran en torno á recolleita de fotografías antigas (ata 1980-90) destinadas á edición de un novo libro de fotos vellas de Carballiño e comarca. A presentación do último destes libro foi en xuño de 2010 coordinado por o xornalista e socio-fundador Xosé Manoel Rodríguez baixo o patrocinio da Deputación de Ourense.
Actualmente o grupo de traballo colabora con fotos na edición mensual da revista Auria.
Dentro do que é o funcionamento interno de O Potiños, que conta con medio cento de asociados en activo, para os que gustan do formato clásico en b/n dispón de laboratorio de revelado e positivado ó tempo que disfrutan de varias revistas especializadas e veñen colaborando con unha módica cota anual. Nos últimos anos por a presidencia da asociación pasaron homes e mulleres, todos fotógrafos afecionados e independentes, que en combinación co seu equipo directivo estiveron e están a facer unha interesante labor de difusión da imaxe.
Diversas charlas, cursiños formativos e celebracións de carácter interno ao longo do ano, así como as novas ideas dos socios, serven para mellorar o estilo propio, ampliar coñecementos sobre a materia e, en definitiva, contrastar ideas e xeitos de expresión nun campo tan creativo e tan testimonial como é a fotografía.

Uso de cookies

Nos obligan a molestarte con la obviedad de que este sitio usa cookies. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies